Sabor Atlántico no Festival da Luz 2021

Os fogóns comézanse a preparar en Boimorto para recibir ata unha decena de propostas gastronómicas de vangarda e Michelin no Gastroespacio Mahou do Festival da Luz 2021.

O Festival da Luz, que celebrará unha nova edición en formato Leiras, acollerá o próximo 10, 11 e 12 de setembro tres xornadas de música, mercado e actividades nun recinto que volve abrir ao completo.

Un Festival para chuparse os dedos! Ademais da zona “Leiras”, onde poderemos gozar sentados en alpacas dos concertos, recuperamos a nosa zona de restauración, un espazo gastronómico único no que o público poderá gozar dunha variada oferta culinaria.

Este ano o Festival volve cun sabor cinco estrelas gastronómico co Gastroespacio Mahou, no que terán lugar showcookings de coñecidos nomes da gastronomía galega e asturiana, que compartirán co público algunhas das claves e segredos da súa cociña.

Os showcookings programados dentro do Gastroespacio Mahou sucederanse ao longo de toda a xornada do sábado e do domingo e estarán conducidos polos chefs Rafa Centeno de Maruja Limón (Vigo), Kike Piñeiro e Eloy Cancela de A Horta D’Obradoiro (Santiago de Compostela), Juan Crujeiras de Bido (A Coruña), Gerson Iglesias del restaurante Erva del Hotel Oca Vila de Allariz (Allariz), Miguel Liboreiro de O Tobo do Lobo (Melide), Iago Cagiao de El Rincón de Alba (A Coruña), Pablo Otero del bodegón Antiga Leitería (Ourense), Mariano Mier de El Quinto (Gijón) e Lolo Mosteiro e Paula Martínez de A artesa da moza crecha (Betanzos).

Os cociñeiros prepararán e explicarán ante o público distintas elaboracións que terán como base o produto local e de tempada e, ademais, ofrecerán aos asistentes a posibilidade de degustar algunhas das tapas preparadas. As inscricións para participar realizaranse previo o comezo de cada demostración.

O sabor cinco estrelas complétase no cartel do Festival da Luz 2021 cos Concertos Vibra Mahou de Kings of the Beach e Moura, ambas actuacións vinculadas á colaboración establecida entre Mahou, Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

Scroll to Top