O Festival da Luz anuncia nova edición tras repartir unha colleita de máis de 120.000€ a causas solidarias

A anfitrioa Luz Casal fixo entrega dos fondos recadados na pasada edición do Festival da Luz. O evento solidario repartiu un total de 120.218€, dos cales as asociacións Anxiños e Asanog recibiron 58.609€ cada unha e 3.000€ doáronse ás asociacións locais Santiaguiños de Boimorto, Club de Fútbol e Club de Atletismo, polo seu labor e dinamización na comunidade na que ten lugar o evento. Durante o acto, as asociacións destacaron o importante labor do Festival por apoiar e dar visibilidade ás causas solidarias.

A Asociación Anxiños, que conta cunha casa en A Baña para axudar á recuperación e integración de nenos e adolescentes con trastornos mentais graves, destinará os fondos para a contratación de persoal profesional de atención de forma continuada.

Asanog, pola súa banda, contribúe en Galicia ao mellor estado dos nenos oncolóxicos e os seus familiares e empregará os recursos no programa psicosocial co fin de garantir que todos os mozos con cancro da nosa comunidade dispoñan da mellor calidade de vida posible durante tódalas fases da enfermidade.

O compromiso solidario do Festival estenderase tamén neste 2020, xa que o Festival acaba de anunciar que a nova colleita celebrarase o 11, 12 e 13 de setembro, e de novo destinará a doazón a accións solidarias do territorio galego. Ademais, nesta novena edición e por primeira vez habilitarase unha fila 0 para todos aqueles asistentes que queiran colaborar coas causas solidarias máis aló de adquirir a entrada para o Festival.

Continuando o espírito do festival, apostarase por unha variada programación de actividades para todos os públicos como a zona Infantil, o espazo gastronómico, o mercado de artesanía, a carreira popular cultivando deporte e máis novidades que se irán desvelando a medida que se aproxime a cita.

Ademais, como parte do compromiso do evento por preservar o patrimonio natural que envolve o evento musical, este ano emprenderanse novas medidas máis sostibles que permitan minimizar o impacto ambiental na zona. Neste sentido, cabe destacar que en colaboración coa Asociación Galicia Ambiental, o evento puxo en marcha un proxecto reforestación en Chandebrito, que permitirá plantar con especies autóctonas unha das zonas máis afectadas polos incendios acaecidos no 2017.

As entradas solidarias xa están dispoñibles na web do Festival (www.festivaldelaluz.es) e proximamente poderanse adquirir en puntos de venda físicos habituais. Os abonos terán un prezo de 15€*, as entradas de día 10€* e o cámping un prezo único de 3€*

Ademais de todo iso, o evento quere facer especial mención ao apoio e colaboración de: Concello de Boimorto, Estudos Mans, CaixaBank, Deputación da Coruña, Gadis, Mahou, Agadic, Fest Galicia, AIE, Viaxes Interrías, Fundación Sgae, Inorde, Feiraco, Marqués de Vizhoja, Altos de Torona, Coca-Cola, Petroni, Juifi e Cadea Ser.

*máis gastos de xestión.

Scroll to Top