Leiras, a opción máis segura e solidaria coa que darlle vida ao Festival da LuZ

• A edición Leiras celébrase co obxectivo de, non só reactivar a economía da zona e do sector cultural, e co compromiso de recadar fondos para “Cruz Vermella Responde en Galicia” a través da entrada solidaria e a activación dunha “fila 0”.
• Nesta edición especial, o público poderá adquirir parcelas ou “leiras” de aforo limitado onde poderán “cultivar” de forma segura música en directo, sorpresas e, sobre todo, cultivar solidariedade.
• O Festival da Luz volve a reivindicarse como a forma máis especial de despedir o verán, nun ano, ademais, no que estar rodeado dos teus seres queridos e vivir con tranquilidade converteuse en algo extraordinario

O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro.

A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase nesta ocasión en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Desta maneira, poderase gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención.

As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual. A reserva das Leiras estará activada a partir de hoxe a través da páxina web do Festival.

O importe das entradas destinarase a Cruz Vermella Responde en Galicia co fin de axudar aos colectivos máis vulnerables e afectados pola urxencia sanitaria provocada polo Covid-19. Ademais, co obxectivo de sumar máis fondos a esta causa -dado o aforo limitado do evento que reduciría a recadación-, habilitarase a compra da Entrada Leira Solidaria 0, unha entrada que poderán comprar de forma ilimitada todos aqueles que queiran contribuír á doazón.

Eladio y Lo Seres Queridos, Susana Seivane, Boyanka Kostova, Agoraphobia, Terbutalina e o acústico de Monoulious Dop compoñerán o cartel desta xornada especial do Festival da Luz que se completará co Concerto Vibra Mahou a cargo de LAU, unha actuación vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI), que ten como obxectivo impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

O Festival, que recentemente aprazou a súa edición de 2020 ao 2021 polo Covid-19, aposta por esta nova programación alternativa coa ilusión e esperanza de activar a economía da localidade, de avivar o sector cultural e de lograr unha recadación solidaria nun ano no que se necesita máis que nunca para poder paliar, na medida do posible, as importantes perdas que a pandemia nos supuxo a todos.

Este novo proxecto non sería posible sen o apoio e colaboración dos patrocinadores e impulsores do formato: Xunta de Galicia, Xacobeo 2021, Fest Galicia, Estudios Mans, Fundación La Caixa, Caixabank, Deputación da Coruña, Mahou, Gadis, Inorde, AIE, Bodegas HGA , Cocacola y Cadena Ser.

Scroll to Top