Coñece a Asanog, a outra metade do noso fin solidario

O cancro é una enfermidade moi dura, tanto para enfermos coma para familiares, e cando esta cae sobre os máis pequenos o proceso vólvese incluso máis cruel. Por iso, Asanog (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia) crea diferentes programas de axuda que contribúen a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e dos seus familiares.

Parte da nosa causa benéfica de 2019 será recollida para Asanog, unha aportación que se sumará a súa labor na loita contra o cancro infantil.

Para coñecer mellor os seus proxectos e saber como lles pode axudar o Festival de la Luz, entrevistámonos con Asanog:

Que significa para Asanog ser parte da causa benéfica desta edición?

Para Asanog supón unha honra e unha gran alegría ser partícipes dun evento coma o Festival de la Luz. Ser beneficiarios dun dos festivais máis importantes de Galicia significa a recompensa ao traballo, ao esforzo e a ilusión que nos acompañou todos estes anos dedicados a acadar que a vida dos nenos e nenas, e tamén das familias, que teñen que pasar por un proceso oncolóxico sexa mellor.

A que irán destinados os beneficios recadados?

Aos proxectos que integran o programa de intervención multidisciplinar directa Meu Ben, o cal segue unha liña de actuación no que o equipo técnico de Asanog acompaña ás familias no seu día a día, tanto no ámbito hospitalario coma no domiciliario, para paliar os efecto do diagnóstico e do tratamento en todas as áreas da vida.

O obxectivo así é tentar mellorar, na medida do posible, a calidade de vida dos nenos e nenas con cancro e a das súas familias durante todo o proceso.

Por que é importante a aportación do Festival de la Luz?

O Festival de la Luz é a mellor das promocións, non só por aportar de forma directa os recursos para poder continuar apoiando ás familias afectadas, se non tamén por dar visibilidade e difusión ao cancro infantil, aos tratamentos, ás secuelas e á importancia da doazón de medula. Todo iso, para conseguir que a curación do cancro infantil sexa unha realidade.

Como poden seguir axudando as persoas que se solidaricen coa vosa causa tralo Festival de la Luz?

Existen varias vías para que cada persoa colabore da forma que máis se adapte a súa situación:

• Ser socio de Asanog.

• Ser voluntario en Asanog.

• Doazóns de recursos.

• Compartir e informar acerca do cancro infantil, das secuelas, das necesidades, da doazón de medula e da existencia de existencia de Asanog a calquera familia afectada.